terça-feira, 13 de novembro de 2007

A perigosa paradoxa de contar historias

O problema de deixar que un director de videoclips de Bollywood dirixa un filme supostamente histórico, ou digamos máis ben historicista como é o caso de Elizabeth: The Golden Age, é que algo da formación recargada-horteril-alienante do director terá que facer acto de presenza nalgún momento, e iso pode desatar -como efectivamente desata- unha catástrofe cinematográfica de vergoñentas proporcións.
Digo isto porque despois de visionar esta esperpéntica película, estou un pouco farta de pasar tanta vergoña allea nas salas de cine ou nos teatros. ¿Que está a acontecer? ¿Por que estamos a perder a capacidade de respeto polos demáis, por aqueles aos que diriximos as nosas palabras? Quero dicir que como seres humanos e como artistas, temos que ter certa capacidade para distanciarnos do que facemos ou dicimos, e poñernos na pel do outro, e tentar adiviñar cómo vai recibir a nosa información, a nosa mensaxe. É moi difícil obter un resultado de alta calidade nun producto artístico, créanme, é unha empresa realmente complicada. Eu seino porque cando dirixo tento ser o máis honesta e rigurosa posíbel, e aínda así ás veces fracaso e non consigo acabar unha obra que me faga sentir digna da atención dos espectadores. Sen embargo, teño que dicir que conservo a capacidade de vergoña cando vexo nun ensaio xeral ou nunha función regular algún pasaxe no que sei ben que non conseguín alcanzar as cotas mínimas de calidade artística. Digamos que conservo a humildade suficiente como para ser consciente das carencias e ofrecerme honestamente á implacábel mais probablemente axustada opinión do público.
Así que, ¿por que temos que soportar un enxendro como o caso desta Elizabeth, que non se sostén nin tan sequera pola soberbia interpretación de Cate Blanchett? I é que se nota que foi abandonada á súa sorte polo director, como o resto do reparto, que quizais carente do portentoso talento da Blanchett teñen que resignarse a manterse mínimamente dignos cun guión de falsete e folletín, que acaba por converterse finalmente nun videoclip new age, nunha apoloxía maniquea e cuasi-fascistoide do poderoso imperio británico no que só falta unha imaxe subliminal da raíña Isabel II ou do Príncipe Carlos de Inglaterra para redondear a evidente conclusión deste panfleto patriótico que, oh paradoxa, está firmada por un inglés de orixen pakistaní.
Resta dicir que non ofende que Jordi Mollá interprete a un Felipe II ridículo: o que ofende é que a súa interpretación sexa realmente ridícula, plana e sen ningún tipo de profundidade. Ofenden as irreais luces que iluminan a Elizabeth coma se fose a Virxe María, Deus ou Madonna. Ofende a falta de reflexión sobre os acontecementos que se narran, ofenden os simplismos, as reduccións, a transposición histórica barata e a mestura artúrica-braveheartiana e populista que en nada diferencia a esta película do anuncio dos supermercados Gadis.
Ofende a falta de vergoña para estrear este truño máis aló da Pérfida Albión. E a falta de alternativas no noso cine patrio, tamén, ofrézome para ofenderme e revolcarme na vergoña propia e na allea.

Iso si: unha indumentaria... preciosísima. Quen non se consola ben é porque non quere, seica.




A raíña Elizabeth, a piques de arrincarse a cantar 'Like a virgin'.




Sem comentários: